Wednesday 24 de April de 2024

Inés Rey presenta con Emilio Pérez Touriño “El horizonte europeo”, o novo libro do ex presidente da Xunta


Na presentación, Touriño destacou a defensa do estado de benestar como piar do modelo social europeo

Inés Rey: “Grazas por regalarnos esta reflexión serena e imprescindible para avanzar como país e como sociedade cara o futuro”

A Fundación Luis Seoane acolleu esta tarde a presentación do libro “El horizonte europeo” de Emilio Pérez Touriño, ex presidente da Xunta de Galicia. A alcaldesa, Inés Rey, acompañou ao ex mandatario na presentación a quen destacou como “referente” galeguista e europeísta: “Eu tiña 16 anos cando fostes proclamado como líder do socialismo galego e só 23 cando chegastes á presidencia da Xunta de Galicia, liderando sempre un camiño de transformación e modernización do país, de xustiza social e de fondo galeguismo e europeísmo”.

Touriño puxo en valor o traballo que se está a facer desde o goberno municipal para situar á cidade “como o referente de modernidade en Galicia e en España”. O ex presidente destacou a defensa do estado de benestar como piar do modelo social europeo e sinalou a necesidade de “repensar Europa para protexer o noso estado de benestar sen perder o tren do crecemento económico e a transformación dixital”.

A alcaldesa compartiu a visión do ex presidente sobre a importancia de superar a confrontación e a crispación dos bloques políticos e agradeceulle a súa “xenerosidade” da súa aportación: “Grazas por regalarnos esta reflexión serena e imprescindible para avanzar como país e como sociedade cara o futuro”.